Sunday 05 de May de 2024

As axudas da Xunta á modernización de teatros, auditorios e salas suman un investimento de máis de 2,4M€ en 82 espazos de toda Galicia


— Resólvese a segunda convocatoria desta liña subvencións, que achega máis de 1,2M€ a 40 infraestruturas de artes escénicas e musicais públicas e privadas

— A Consellería de Cultura está a contribuír con esta medida á renovación dos sistemas de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción, así como á rehabilitación dos edificios

A Xunta acaba de resolver a segunda convocatoria de axudas da liña destinada á modernización e xestión sustentable das infraestruturas de artes escénicas e musicais, que supón un novo investimento de 1,23M€ na mellora de 40 teatros, auditorios e salas de toda Galicia, dos que 33 son de titularidade pública e sete privados. Estas novas adxudicacións súmanse ás da primeira quenda de 2022, a través da que se achegaron 1,2 M€ a outros 46 espazos, catro deles tamén con proxectos subvencionados desta volta, de xeito que o alcance global deste programa extraordinario de apoio supera os 2,4 M€ en 82 infraestruturas.

Do mesmo xeito que o ano pasado, as contías concedidas destínanse maioritariamente á renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción, así como ao acondicionamento e rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático.

Cúmprese así cos obxectivos de dixitalización, xestión sustentable e respecto medioambiental desta convocatoria, que redundan ademais na mellora das condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como nunha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público.

Infraestruturas en 36 municipios
As destinatarias desta segunda quenda de axudas son as entidades xestoras de espazos de exhibición de espectáculos de teatro, danza, música, maxia ou novo circo, tanto privadas como integrantes da Administración local, situadas en 36 municipios das catro provincias.

Así, a da Coruña conta desta volta con 22 espazos adxudicatarios. Deles, a Sala Gurugú da Coruña, o Teatro da Beneficencia de Ortigueira e o Centro Sociocultural de Rianxo atopábanse xa entre os 23 apoiados na primeira convocatoria. As novas incorporacións son o Fórum Metropolitano da Coruña, a Casa da Cultura de Bertamiráns en Ames, o Salón de Actos da Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez, a Aula Municipal de Cultura de Betanzos, o Auditorio Municipal de Cabana de Bergantiños, o Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee, a Sala Ruido Blanco e o Teatro Jofre de Ferrol, a Casa da Cultura de Lousame, o Auditorio Alfonso Eanes de Negreira, a Casa da Cultura Antón Avilés de Noia, o Auditorio Gabriel García Márquez de Mera en Oleiros, a Casa da Cultura de Ordes, a Casa da Cultura de Porto do Son, o Auditorio Municipal de Santa Uxía de Ribeira, o Auditorio Municipal de Rois, o Riquela Club e a Sala Sónar de Santiago de Compostela e o Salón de Actos da Casa da Cultura de Touro.

No caso de Lugo, nesta segunda quenda subvenciónanse catro infraestruturas (Auditorio Municipal de Burela, Casa da Cultura de Foz, Casa da Cultura de Sarria e Auditorio Municipal de Sober), coas que se elevan a dez os espazos da provincia que acometen melloras incentivadas por estas axudas. En Ourense, a adxudicataria deste ano é a Sala Bajo 5 do Barco de Valdeorras, mentres que en 2022 apoiáronse outras dúas entidades.

Na provincia de Pontevedra sitúanse outros 13 espazos subvencionados, que se incorporan aos 15 adxudicatarios en 2022. O Teatro Principal da Estrada repite nesta listaxe, á que se suman agora o Auditorio da Xuventude de Cambados, o Auditorio Municipal de Catoira, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar, o Centro Cultural Municipal do Porriño, o Auditorio do Multiúsos da Xunqueira en Redondela, o Auditorio Municipal Manuel Dopazo de Silleda, o Auditorio Municipal Multiúsos de Arcade en Soutomaior, o Auditorio de Goián en Tomiño, o Edificio Multifuncional de Valga, o Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces e o Auditorio Mar de Vigo e a sala La Pecera de Vigo.

Subvencións de ata o 80%
As contías outorgadas oscilan entre os 16.000 e os 50.000 euros por proxecto, chegando a subvencionarse ata o 80% do orzamento da proposta no caso dos espazos privados e o 70%, no das entidades públicas.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona esta vía de apoio, ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, co fin de cubrir o investimento dedicado á transición verde e á transformación deste tipo de infraestruturas, impulsando ao tempo un crecemento intelixente e sostible da súa xestión.